Iniciativa parlamentaria para o fomento da certificación forestal

O Grupo Parlamentario Popular de Galicia, a través do seu Portavoz, e por iniciativa do deputado José Manuel Balseiro Orol, ao abeiro do disposto no artigo 160 e concordantes do Regulamento da Cámara presenta, ante esa Mesa, a seguinte proposición non de lei para o seu debate en Comisión.

Exposición de motivos

Galicia foi pioneira, entre as Comunidades Autónomas de España, na implantación de sistemas de certificación forestal como o selo FSC (siglas en inglés do Consello de Administración Forestal).

O certificado FSC é o resultado dun proceso de avaliación ao que se somete de forma voluntaria un monte, realizado por unha terceira parte independente (entidade certificadora), que garante as boas prácticas na xestión e recoñece e outorga relevancia no mercado, aos produtos que se obteñen deles.

O feito de dispoñer dos mecanismos que permitan a certificación

dos nosos bosques é, sen ningún tipo de dúbida, un importante paso adiante. De feito, constitúe toda unha ferramenta de futuro capaz de aumentar a competividade nos mercados internacionais e pode servir de polo de atracción ante o contexto xeral de crise.

A madeira certificada con instrumentos como a FSC identifica tamén a todos os seus derivados, tales como pasta, papel, mobles embalaxes, e permite que estes poidan chegar a vendarse cun prezo ata un 20% superior aos que non teñen este selo de calidade.

En termos relativos, Galicia é líder en España neste ámbito, pero aínda así só representa un 8% do chan forestal fronte, a outros países cos que competimos no mercado internacional como Finlandia cun 70% de árbores certificadas.

Cómpre lembrar tamén que a certificación forestal, require dalgúns elementos previos imprescindibles, por exemplo unha planificación técnica baseada en criterios de sostibilidade.

Son múltiples as vantaxes que se obteñen coa certificación forestal pero tamén os retos de que este tipo de instrumentos chegue a todos os ámbitos, en especial no monte galego, caracterizado por unha estrutura de terra con multitude de pequenos propietarios. Segundo os datos oficiais uns 670.000 galegos teñen parcelas forestais e o 97% da superficie arborada galega é propiedade privada.

Co obxectivo de impulsar as certificacións de montes sostibles en Galicia, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia, a:

1º.- Dar un apoio explícito á todas as iniciativas de certificación forestal dos nosos montes, acreditadas internacionalmente, a través do asesoramento aos propietarios (especialmente aos máis pequenos), así como a concesión das axudas necesarias, garantindo o apoio igualmente explícito á planificación forestal sostible.

2º.- Impulsar a obtención de certificacións forestais acreditadas internacionalmente, para os montes de titularidade pública dependentes das administracións locais, mediante a posta en marcha de liñas específicas da axudas.

3º.- Impulsar a obtención de certificacións forestais acreditadas internacionalmente para os montes de titularidade pública dependentes da Xunta de Galicia”.

Vía Grupo Parlamentario