Xestionar o monte a miúdo non é fácil. Producións a longo prazo, pragas ou malas situacións do mercado da madeira son algúns dos factores que condicionan a rendibilidade do investimento no monte. O conxunto do sector forestal, desde organizacións de propietarios a colectivos de empresas e técnicos, vén de demandarlle ó Goberno a posta en marcha de incentivos fiscais que premien a xestión forestal sostible, de xeito que se reduza o abandono do monte e se favoreza a creación de emprego e riqueza.
A proposta do sector, suscrita entroutros colectivos pola Confederación de Organizacións de Silvicultores de España, á que pertence a Asociación Forestal de Galicia, trata de que a Ley de Montes, agora a debate no Senado, inclúa incentivos fiscais que favorezan ós propietarios que decidan invertir no monte. “A xestión sostible e activa do monte fai posible que diminúa o risco de incendios forestais, pragas e enfermidades, o que garante unha mellor conservación dos montes”, destacan os colectivos do sector forestal en nota de prensa.
Vía Campo Galego
Foto por rahego